Viños (Denominación de Orixe)

Acios de uvas

 

Baiona linda co Rosal, unha das cinco subzonas (xunto ó Salnés, Condado, Soutomaior e Ribeira do Ulla) da Denominación de Orixe "Rías Baixas". Estes viños figuran ano tras ano entre os mellores brancos españois. Creados a partir dunha uva básica, a albariña, están marcados polo seu alto contido en azucre e pola súa acidez.

As outras uvas que interveñen na elaboración dos viños son, exclusivamente, das seguintes variedades:

  • Variedades preferentes: Albariño, Loureira branca ou Marqués, Treixadura e Caiño branco (brancas) e Caiño tinto, Espadeiro, Loureira Tinta e Sousón (tintas). 
  • Variedades autorizadas: Torrontés e Godello (brancas) e Mencía, Brancellao e Pedral (tintas)

 Nos últimos anos os colleiteiros incorporaron tecnoloxías de vangarda para a produción do viño, o que, xuntado ó cultivo e tarefas de recolleita e vendima ó xeito tradicional, provocaron un considerable progreso na calidade dos caldos.

Despois de elaborados, os viños pasan controis analíticos e sométense á valoración sensorial dun comité de cata, que decide se poden lucir a contraetiqueta "Rías Baixas", Denominación de Orixe que desenvolve plans de exportación e promoción no exterior (principalmente Alemaña, Estados Unidos e Xapón).

Do bagazo destas uvas sácanse tamén finas augardentes, usadas para facer a queimada, bebida con reminiscencias máxicas coas que se coroan as boas ceas.

TIPOS DE VIÑOS D.O RÍAS BAIXAS

  • Rías Baixas Albariño (100% uva albariña).
  • Rías Baixas Condado do Tea (70% uvas albariña e treixadura).
  • Rías Baixas Rosal (70% uvas albariña e loureira).
  • Rías Baixas Val do Salnés (70% uva albariña).
  • Rías Baixas Ribeira do Ulla (70% uva albariña)
  • Rías Baixas (70% uvas brancas recoñecidas –albariña, torrontés, loureira o caíña–).
  • Rías Baixas Barrica (viños anteriores envasados en madeira de carballo durante un mínimo de 3 meses).
  • Rías Baixas Tintos (uvas tintas recoñecidas).
  • Rías Baixas Espumoso (elaborado con diferentes tipos de uvas recoñecidas e cumprindo a normativa referente aos viños espumosos)