baiona.org

Escudos, bandeiras, himnos, festas

Escudo

Baiona

Símbolos de Baiona

Escudo

O escudo de Baiona está cuarteado en cruz. Nos cuarteiróns primeiro e cuarto aparece un boi, en ouro ou amarelo, e unhas defensas en prata ou branco co campo de verde. Nos cuartais segundo e terceiro, unha galera de tres paus e gallardete, ambos en sabre ou negro, unhas vagas de mar en prata ou branco e azur, co campo en prata. O escudo está timbrado cunha coroa real pechada en ouro engastada de pedras preciosas.

O boi fai referencia á fortaleza de monte Boi, unha península fortificada que defende o pobo da ría e á que, logo, os Reis Católicos lle concederon o nome de Monterreal. A galera ou nave representa a eterna relación do mar coa vida da vila (aquí arribou a carabela Pinta tras o descubrimento de América e de aquí partiu a armada de Felipe II en 1596 para combater os ingleses que asexaban as costas españolas).

Os escudos máis antigos que se coñecen atópanse na capela de Santa Liberata, construída en 1695, e o outro tallado nunha das portas do Anuario-arquivo mandado facer polo corrixidor Agustín de Arteaga en 1769, actualmente radicado na Alcaldía.

Bandeira

A bandeira de Baiona está formada por 4 triángulos en vermello e azul –produto da intersección de dúas diagonais–, dispostos o gra abaixo e arriba e o azul a dereita e esquerda. En edificios públicos e actos oficiais utilizarase co escudo da vila no centro.

Despois de esmorecer o seu uso a mediados do século XIX un acordo tomado pola corporación municipal en maio de 1981 resolve que a bandeira oficial ondeará na casa do concello á dereita da española e á esquerda da de Galicia. Ata entón a última vez que se contemplara a bandeira fora o 28 de setembro de 1927, durante a visita a Baiona das SSMM os Reis Alfonso XIII e Victoria Eugenia.

O documento máis antigo que testemuña a existencia da bandeira, conservado no Arquivo municipal, é unha carta de Felipe II datada en Madrid en 1591, dirixida ó marqués de Cerralbo, capitán xeral de Galicia.

Himno

Letra do himno:

    Xa no tempo dos antergos
    os teus feitos resoaban,
    barcos púnicos e gregos
    os teus tesouros buscaban.
    Cando o pobo herminio en guerra
    brava axuda recabou,
    contra o César, pola terra,
    a Erizana pelexou.

    Vila de xentes honradas,
    que as razóns do corazón
    puxo ante as loitas alzadas
    da unidade da nación.
    Os Reis danche privilexio
    de nobreza por ser fiel
    e serás Alcázar rexio
    de Fernando e Isabel.

    ¡Bayona, Vila fiel e real!,
    navío que o mar Atlante baña,
    adiantada da gran nova de España:
    Mundo Novo e Universal.
    A "Pinta" bicoute con ledicia,
    descansando da inxente gloria,
    quedou para sempre na historia
    a Bayona de Galicia.

    Hoxe en día anque a memoria
    do pasado non esquece,
    indo en pos de nova gloria
    Bayona traballa e crece,
    ofrecendo a forasteiros
    e a si mesma o seu tesón,
    para ser do mundo enteiro
    o máis ínclito florón.

    ¡Baiona, Vila fiel e Real!

    ¡BAIONA, VILA FIEL E REAL!

Festa oficial

Desde 1974 a festa oficial de Baiona é o día 1 de marzo, día da Arribada, no que se conmemoraba a chegada da carabela Pinta ó porto de Baiona nesa data do ano 1493. Agora a festa oficial ten lugar a primeira fin de semana de marzo, ampliando a dous días os actos festivos que lembran aquel suceso.

 


 

Galicia

Símbolos de Galicia

Escudo

O modelo actual de escudo, recoñecido oficialmente no artigo 6 do Estatuto de Autonomía, foi adoptado en 1972 pola Real Academia Galega en sesión plenaria.

O campo do escudo é azul e consta dun cáliz de ouro e unha hostia de prata, acompañados por sete cruces do mesmo metal, tres a cadanseu lado e unha sobre a hostia. Completa o escudo a coroa de Santiago, pechada cun círculo de ouro -adornado con pedras preciosas- e composto por oito floróns de follas de acanto co semimeridiano e o ecuador de ouro (dos que son visibles só cinco) e interpolados con perlas que conflúen nun mundo de azur.

A súa historia remóntase ó século XV, cando un copón cuberto compoñía o primeiro escudo de Galicia; no XVI estaba formado por un cáliz cunha hostia enriba e, no XVII, pola custodia, figura que aparece por un antigo privilexio existente na catedral de Lugo, polo cal se debía expoñer constantemente o Santísimo Sacramento ós seus fieis.

O copón perdeu o seu carácter expresivo durante o Renacemento, pero para manter a mensaxe do escudo conservouse a hostia e substituíuse o copón por un cáliz. As cruces foron incluídas para encher o espazo baleiro e para fortalecer o sentido relixioso. Durante o século XVII eran só seis as cruces que formaban o escudo, pero decidiuse coroar cunha delas a custodia e acabaron sendo sete en total, que foron identificadas coas cabezas do antigo Reino de Galicia.

A partir do século XVII completaron o escudo a coroa e a cruz de Santiago, unha vez que desapareceu o privilexio que restrinxía o seu uso ós cabaleiros da Orde. Hoxe en día só se mantén a coroa.

Bandeira

O artigo 6 do Estatuto de Autonomía di:

    A bandeira de Galicia é branca cunha banda diagonal de cor azul que a atravesa desde o ángulo superior esquerdo ó inferior dereito.

    A chamada bandeira nacional civil debe ter tres módulos de longo por dous de ancho, e o azul da franxa ha ser celeste ou cobalto claro. A bandeira do Estado, que é a que debe figurar nos actos oficiais, debe incluír ademais o escudo nacional no centro.

Non existen testemuños que proben a aparición da bandeira actual antes do século XX, aínda que desde o século XVI a inclúen en distintas publicacións imitando o escudo: unha tea branca cun copón amarelo no centro, rodeado de seis cruces. A actual bandeira provén da que lucía na Comandancia de Mariña da Coruña. Foi adoptada inicialmente polos emigrantes galegos e máis tarde recoñecida polo resto do pobo galego e polas súas autoridades.

Himno

É produto, o mesmo cá bandeira e o escudo, da emigración. Foi estreado na Habana (Cuba) en 1907 e un ano máis tarde fíxose oficial. A música foi composta por Pascual Veiga e a letra pertence ó poema "Os pinos" de Eduardo Pondal, no que se alenta ó pobo galego a espertar do seu sono e loitar pola liberdade.

Entre 1907 e 1923 rexionalistas e agraristas o entoaban nos seus actos. Antes da República prohibíronse todos os símbolos rexionais e, por tal motivo, as sociedades galegas de América adoitaban cantalo en todo acto público. Coa II República acentuouse o seu uso, foi silenciado oficialmente durante parte da etapa franquista e en 1960 interpretouse de novo con certa oficialidade, aínda que agochando a súa mensaxe ideolóxica. En 1975, durante os actos da festa do Apóstolo o público e parte das autoridades puxéronse en pé cando soou o himno. Desde entón foi aceptado oficialmente e recoñecido no artigo 6 (título preliminar) do Estatuto de Autonomía de 1981.

Letra do himno:

    ¿Qué din os rumorosos
    na costa verdecente
    ao raio transparente
    do prácido luar?
    ¿Qué din as altas copas
    de escuro arume arpado
    co seu ben compasado
    monótono fungar?

    Do teu verdor cinguido
    e de benignos astros
    confín dos verdes castros
    e valeroso chan,
    non des a esquecemento
    da inxuria o rudo encono;
    desperta do teu sono
    fogar de Breogán.

    Os bos e xenerosos
    a nosa voz entenden
    e con arroubo atenden
    o noso ronco son,
    mais sóo os iñorantes
    e féridos e duros,
    imbéciles e escuros
    non nos entenden, non.

    Os tempos son chegados
    dos bardos das edades
    que as vosas vaguedades
    cumprido fin terán;
    pois, donde quer, xigante
    a nosa voz pregoa
    a rendezón da boa
    nazón de Breogán.

Festa oficial

O día de Galicia celébrase o 25 de xullo, festividade de Santiago Apóstolo, patrón de España e de Galicia.



 

España

Símbolos de España

Escudo

O escudo de España é cuartelado. No primeiro cuarteirón, de gules ou vermello, un castelo de ouro ameado, clarexado en azul. No segundo, de prata, un león rampante, de púrpura, linguado, armado de gules ou vermello. No cuarto, de gules ou vermello, unha cadea de ouro, posta en cruz, aspada e con greca, cargada no centro cunha esmeralda da súa cor. Tinxida de prata, unha granada ó natural, rachada de vermello e tallada con dúas follas verdes.

Acompañado de dúas columnas, de prata, con base e capitel, de ouro, sobre ondas de azul e prata, superada con coroa imperial, a da dereita, e cunha coroa real, a da esquerda, ambas de ouro. Arrodeando as columnas, unha cinta vermella, e cargadas de letras de ouro, na destra "Plus" e na sinistra "Ultra".

Ó timbre, coroa real pechada, que é un círculo de ouro con pedras preciosas engastadas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco delas, con perlas intercaladas. Das follas sae cadansúa diadema sumada de perlas, que conflúen nun mundo de azul, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro. A coroa revestida de encarnado.

O escudo leva escusón de azul, tres lises de ouro, postas dúas e unha, o bordo liso, do vermello propio da dinastía reinante.

(Regulado pola Lei 33-1981, de 5 de outubro).

Bandeira

O artigo 4 da Constitución di:

  1. A bandeira de España está formada por tres bandas horizontais, vermella, amarela e vermella, sendo a amarela de dobre anchura que cada unha das vermellas.
  2. Os estatutos poderán recoñecer bandeiras propias das comunidades autónomas. Estas utilizaranse xunto á bandeira de España nos seus edificios públicos e nos seus actos oficiais.

Himno

Algúns dos compases do actual himno español xa se usaban no século XVI. Pero a súa historia comeza cando Carlos III ordena recompilar os distintos toques de guerra, entre os que figuraba a Marcha Granadeira, declarada posteriormente marcha de honra, máis tarde marcha real e, finalmente, himno nacional. Dito himno carece de letra oficial.

Festa oficial

A festa nacional de España ou Día da Hispanidade é o 12 de outubro.