Museo da Carabela Pinta

Carabela Pinta

Baiona foi o primeiro porto de Europa que recibiu a noticia da descuberta de América. O 1 de marzo de 1493 a carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, atracou nestas augas. Coa conmemoración do V Centenario do Descubrimento construíuse unha réplica da embarcación que permanece amarrada para os visitantes nun dos peiraos.

En 1999 volveuse acondicionar o pequeno museo colombino que alberga a nave, dotándoa de todos os elementos da época colombina, tanto da cultura cristiá coma da indíxena cultura taína. Deste xeito o visitante pode contemplar a Carabela tal e como chegou a Baiona en 1493 e revivir o feito do descubrimento contemplando as figuras que representan a tripulación e os indíxenas americanos, ademais de reproducións dos metais, plantas, alimentos e animais exóticos achados no novo mundo.

As carabelas

A información que se ten sobre este tipo de barco é escasa. O seu nome procede do árabe "carabo". Foi importada de oriente polos portugueses, que lle incorporaron a vela latina (triangular).

A primeiros do século XV soamente Portugal e España utilizaban as carabelas. Os portugueses explotaron ó completo as súas calidades e os españois copiáronllela logo, nacendo así a carabela andaluza, que foi evolucionando durante o devandito século. Logrouse un casco máis angosto, unha popa bastarda de espello, unha dotación de tolda e tilla (pequenas cubertas a popa e proa sobre a cuberta principal) e substituíuse a vela latina pola redonda ou mixta, feito este último que lle permitía aproveitar ó máximo os ventos e a fixo ser máis manexable e menos vulnerable ós golpes de mar. Ademais lograron que fose máis estable baixando o seu centro de gravidade.

As carabelas diferenciábanse das naves por seren de menor tamaño e pola súa lixeireza e ausencia de castelo, vela cebadeira e gabia.

A carabela Pinta

Foi construída polos carpinteiros de ribeira de Palos de la Frontera e era propiedade de Cristóbal Quintero e de Gómez Rascón, veciños daquela vila, ós que lles foi incautada. O seu nome semella que se debeu a que pertencera anteriormente á familia Pinto, tamén de Palos. A Pinta era a máis veloz das tres naves colombinas e con frecuencia tiña que esperar ás outras dúas durante a histórica viaxe, debido tamén ás dotes do capitán Pinzón. O día 8 de outubro, en loita por chegar os primeiros a descubriren as novas terras, acadou unha velocidade de 15 millas por hora (12 millas/hora actuais), superior á que pode alcanzar hoxe un mercante de vapor medio.

Mercadorías que trouxo a Pinta de América

METAIS

  • Ouro. Colón e Pinzón chegaron a obsesionarse coa busca de ouro, moi abundante no Novo Mundo. Para os historiadores é imposible facer unha estimación da cantidade traída polas carabelas, pero semella que foi suficiente para dourar os teitos de varios templos, labrar alfaias doutras igrexas e repartilo entre os tripulantes da Pinta e a Niña.

PLANTAS ALIMENTICIAS

  • Millo. Era para os indios o único cereal da súa dieta xa que non existían outros. Pronto se comezou a cultivar en España, máis como alimento do gando que como ingrediente para fabricar pan.
  • Iuca ou mandioca. Arbusto de follas divididas con raíces polposas de gran tamaño. Na dieta dos nativos era máis importante aínda có millo. Con ela elaboraban o pan cazabe, que aguantaba máis dun ano sen apodrentar. Había dúas variedades de iuca: unha amarga -a máis prezada polos indíxenas- e outra doce. En España non tivo éxito.
  • Batata ou Age. Planta convolvulácea. O age e o boniato ou pataca doce son as variedades máis coñecidas desta especie. Os españois foron os que descubriron o age, chamado xeralmente batata, planta comestible de cor parda, semellante á pataca pero máis rica en azucre e amidón. Consumiuse en España ata o século XVII, cando Pizarro trouxo dos Andes a papa quechua, que nós coñecemos como pataca.
  • Fríjol(Feixón). Aínda que os feixóns xa se consumían en España, á tripulación sorprendeulle a gran cantidade de especies diferentes. Con todo, Colón non describe no seu Diario os nomes autóctonos de cada unha.
  • Maní. O maní ou cacauete era tamén importante na dieta dos indios, pero mediocre e insubstancial para os españois, que o consideraban alimento para os cochos. Comíase cru.

ESPECIAS

  • Ají. Era a pementa das Indias, da que posuían grandes plantacións. Tamén chamada uchu, chile ou guindilla.
  • Canela. Varios tripulantes da Pinta aseguraban tela atopado, aínda que Colón dubidou de que fose canela pola súa súa inferior calidade á canela clásica.

PLANTAS TÉXTILES

  • Algodón. Foi posiblemente a planta que en maior cantidade trouxo a Pinta. Era moi abondosa. As mulleres indias confeccionaban con ela mantas, enaguas, hamacas, redes e outros produtos. A especie era moi similar á que trouxeron a España os árabes.
  • Maguey. Colón chamouna áloe e lináloe, polo seu parecido con estas especies, das que se sacan resinas para purgantes, de aí o seu interese en facer provisión delas (trouxo case media tonelada). O maguey é coñecido en España como corda de pita e úsase para cordonería.

PLANTAS MEDICINAIS

  • Almáciga (Lentisco). Moi abondosa. Colón confundiuna co lentisco europeo, de utilidade médica, cando en realidade era unha especie semellante ó terebinto mediterráneo.
  • Mechoacán (Mexacán)ou jalapa. Confundida pola tripulación co ruibarbo. O mexacán era de cor negra e sabor amargo. O seu zume foi usado logo como purgante.
  • Tabaco. Os indios usábano para calmar dores -aspirándoo en po- ou como emplastos para as feridas, aínda que tamén fumaban e mastigaban as súas follas. Os tripulantes españois copiáronlles ós indios este último uso.

PLANTAS COLORANTES

  • Bija e jagua (chaguazo). Coas tinguiduras extraídas destas plantas os indios pintaban os seus corpos para se protexer do sol e dos insectos e con fins máxicos e rituais. A bija daba un colorante vermello e o chaguazo un negro azulado.

FROITAS

Naquelas illas había unha gran variedade de froitas. Colón descríbeas con nomes europeos de especies similares, o que as fai difíciles de identificar. Algunhas delas trouxéronas desecadas para que non podrecesen durante a viaxe.

ÁRBORES MADEIRABLES

As carabelas trouxeron mostras das numerosas especies de árbores encontradas na illa de Cuba e na Española, entre ela de hicaco, mangle, ceiba e caoba.

ANIMAIS

Debido á dificultade que entrañaba o seu transporte e ás mínimas posibilidades de subsistencia trouxeron poucos animais exóticos; só chegaron con vida algunhas especies de papagaios. Pero si que trouxeron algúns outros conservados en sal ou esfolados, coma un peixe cofre, unha iguana -cuxa carne era moi prezada polos indios, o mesmo ca seus ovos, que consideraban un manxar- e peles salgadas de cori (coelliño de Indias) e hutia ou jutia, unha especie de mamífero terrestre.

ÚTILES

Á parte dos produtos fabricados con ouro e algodón os expedicionarios trouxeron outros útiles. Unhas máscaras feitas con ósos de peixe chamadas guayças, cintos -adornos para a cintura-, unhas macizas pelotas de goma feitas cunha mestura de varias raíces e resinas, azagayas (varas), almadías (canoas), hamacas, cabazas, arcos e frechas. É posible que trouxesen tamén outros trebellos e utensilios usados para fabricar o pan cazabe.

Horarios e prezo

Fonte: Sierra Fernández, Avelino. La carabela Pinta y su arribada a Bayona, Diputación Provincial de Pontevedra, 1997 (2ª ed.).

 
Engadir ao planificador de viaxes
Este lugar pertence a ruta seguinte: Histórica