baiona.org

Costumes

Praza da fruta 


Horario laboral

En España a xornada laboral está dividida en dúas etapas: unha de mañá e outra de tarde. Os traballadores que teñen xornada partida comezan a súa tarefa arredor das 8.00 ou 9.00 da mañá e van comer entre as 13.30 e as 14.00 horas. O horario vespertino ocupa desde as 16.30 deica as 2.00 horas. De todos os xeitos as institucións, organismos oficiais, entidades bancarias e centros escolares adoitan traballar con xornada intensiva desde as 8.00 ata as 15.00 horas, aproximadamente.

Horarios comerciais

O turismo é a principal fonte de ingresos de Baiona e por iso o seu comercio é dos máis importantes da zona, con tendas especializadas e de boa calidade nos produtos que ofrece. Usualmente, o horario que teñen é amplo e vai desde as 10.00 da mañá ata as 14.00 horas e desde as 17.00 ata as 21.00. No período estival este horario prolóngase, podendo atopar o visitante sitios para realizar as súas compras abertos deica as 12 da noite e comercios con horario continuado que non pechan ó mediodía.

Horarios de comidas

Aínda que a moitos estranxeiros lles poida parecer un exceso Galicia –coma o resto de España– guíase por un horario de comidas que en nada se semella ó que domina no resto de Europa. O almorzo é moito máis frugal có dos nosos veciños europeos e, lonxe de principiar o día 'comendo coma un rei', os españois estamos máis afeitos a almorzos lixeiros que deixan oco para un costume moi arraigado no país: o do aperitivo. A media mañá é moi normal a tapa de tortilla e a cervexa, uso que ademais concorda moito coa cultura socializadora que en España teñen os bares e as cafeterías.

A hora do xantar oscila entre as dúas e as tres da tarde aínda que, incluso, hai moitos restaurantes que serven ata as catro. Esta é a comida máis abondosa do día e na que, habitualmente, máis tempo se para o español. Non é un refrixerio acelerado como ocorre entre os anglosaxóns –que poden inxerir un sandwich mentres viaxan no metro–, senón que é un ritual de garfo e coitelo con sobremesa incluída.

A hora da cea vai das 9.00 ás 11.00 da noite, aínda que as fins de semana este horario se pode ampliar. Se a cea é no fogar familiar, por regra xeral será máis lixeiro que se se fai nun restaurante, aínda que os españois non temos por costume facer as últimas comidas do día excesivamente farturentas.

Horarios de espectáculos

Espectáculos

Durante todo o ano pódese asistir en Baiona a numerosos espectáculos organizados por diversas entidades e sociedades da vila. Estes espectáculos celébranse tanto ó aire libre coma nos distintos centros culturais. O número de actos, tradicionais e modernos, increméntase na época estival para lle ofrecer ó turista unha programación de calidade e interese.

Dos espectáculos que tradicionalmente se celebran en Baiona destaca a representación teatral da Arribada da Carabela Pinta, posta en escena por medio centenar de veciños. Esta obra ten lugar durante a Festa da Arribada, a primeira fin de semana de marzo.

Bares, pubs e discotecas

Durante as fins de semana e os períodos de vacacións Baiona vive un ambiente nocturno moi agradable. Os seus bares, decorados moitos deles con detalles mariñeiros, permítenlle ó visitante gozar dun ambiente tranquilo, alegre e seguro.

Costumes sociais dos baioneses

Pasear contemplando o mar, gozar das numerosas terrazas ou camiñar polos nosos montes e parques é un costume arraigado entre os baioneses e visitantes.

Tomar un refrixerio a media mañá no bar é moi habitual, o mesmo có café de media tarde ou as tapas a primeira hora da noite e como preludio da retirada ó fogar ou a algún bo restaurante para cear. Ademais, é tamén común que a xente goce a diario con conversas nocturnas en pubs e bares ata ben entrada a noite.

O tapeo durante a mañá dos domingos nalgún dos moitos bares é o preludio da comida familiar, xa que o domingo é, por regra xeral, cando se reúne toda a familia á hora do xantar, pois o trafego da vida moderna e a xornada laboral fixeron deste o único día de descanso.

No verán e mais en épocas de vacacións o ambiente é moito máis festivo as vinte e catro horas xa que moitas son as persoas que pasean polas súas rúas e dan vida á localidade. É nestes meses cando a actividade é máis entretida.

Danzas típicas

Existe unha danza con case 400 anos de antigüidade, denominada a danza das espadas, que os mariñeiros bailan durante as festividades da Virxe da Anunciada, patroa de Baiona, e da Virxe do Carme, patroa das xentes da mar, celebracións que teñen lugar no verán. A danza debe a súa orixe ó antigo gremio de mareantes, de histórica tradición nesta Real Vila, e pode ser bailada por case 50 homes que portan unhas espadas coas que compoñen distintas figuras. Outras danzas que se adoitan bailar en actos festivos son as ribeirás e a muiñeira.

A muiñeira, baile popular típico de Galicia, está normalmente presente en calquera romaría ou festividade que se celebre ó longo da súa xeografía. Execútano unha ou máis parellas soltas, ó son dos instrumentos folclóricos máis populares -gaita galega, tambor e pandeiro- a un compás de 6/8. Segundo as diversas comarcas da Comunidade Autónoma, existen múltiples variantes de execución. Malia semellar que se orixinou na primitiva cultura celta, o nome deste baile de galanteo procede das muiñadas ou reunións festivas de homes e mulleres arredor dos muíños, mentres agardaban a vez para moeren.