Presentación

A Vila de Baiona, turística e mariñeira, está situada ao sur das Rías Baixas, protexida de mar aberto por unha preciosa baía. A súa situación é inmellorable para o abrigo das embarcacións deportivas e de pesca. O seu clima caracterízase por suaves temperaturas durante todo o ano. O seu casco antigo, foi declarado "Conxunto de Interese Histórico Artístico" pola Xunta de Galicia o 1º de marzo de 1993, V Centenario da Arribada da Carabela Pinta a Baiona, coa noticia do Descubrimento de América.

Panóramica de Baiona

 

O concello compono cinco parroquias: Baíña, Belesar, Baredo, Santa Cristina da Ramallosa e Baiona. Cada unha cunha identidade propia e todas xuntas conforman a ampla oferta da Vila. A pedra das súas rúas e edificios e o aroma salgado do mar, así como o verde dos seus campos e montes, conseguen converter a Baiona nun lugar especial para o goce dos máis esixentes. O municipio conta ademais con case catro quilómetros de praias, nas que se pode gozar de marabillosas xornadas, tomando o sol, ou realizando calquera das actividades náuticas que se organizan no municipio.

Especial importancia ten a nosa gastronomía, e isto débese en gran parte aos excelentes produtos que nos brindan o mar e a terra. Isto conxugado cunha cociña tradicional e innovadora, convida o deleite dos mais exquisitos pratos.

Baiona pertence ao xeodestino turístico "Ría de Vigo-Baixo Miño"