Fortaleza de Monterreal

N 42° 7' 4.4256"
W 8° 51' 5.9646"

Fortaleza de Monterreal

 

Encóntrase situada na península de Monte Boi, tamén coñecida como de Monterreal. Coñécese dende hai máis de 2.000 anos como recinto amurallado. Séculos antes do nacemento de Cristo, habitaron nela diferentes pobos, entre eles celtas, fenicios e romanos. Xa na nosa era se viu ocupado por diversos poboadores e sufriu gran cantidade de ataques, así como de modificacións. Antigamente, asentouse aquí a vila de Baiona, por privilexio outorgado polos Reis Católicos para defenderse das incursións corsarias.

A península ocupa unha extensión de 18 hectáreas rodeadas de 3 km. de murallas ameadas de entre os séculos XI e XVII. 

Despois, o recinto converteuse en residencia dos diferentes gobernadores militares da fortaleza, entre eles o Conde de Gondomar. Posteriormente pasou a máns privadas ata que, en 1963, o adquiriu o Ministerio de Información e Turismo para instalar no seu interior o Parador de Turismo "Conde de Gondomar".

Actualmente a muralla mantén as tres torres dende as que se vixiaba a fortaleza. Na entrada está a torre do reloxo (que agochaba unha campá que servía para dar a alarma en caso de ataque inimigo); ó leste érguese a torre da tenaza, que tiña como cometido defender o porto mercé a unhas baterías de tiro instaladas alí, e, na parte máis oriental da fortaleza, sobre a baía, está a torre do príncipe, se cadra a máis antiga, que actuaba como faro para os navíos. Esta última ten tres escudos (dos Austrias, dos Sotomayor e o da vila) e debe o seu nome a que nela estivo preso o príncipe portugués Afonso Enriques en 1137.

A fortaleza pódese visitar calquera día do ano. Desde ela é agradable presenciar os magníficos solpores sobre a ría e sobre as illas Cíes e mais a liña marítima sobre a que se estira Baiona.

Horario: 8:00 - 22:00 horas

Prezo: 1 € a pé / 5 € con vehículo

Roteiros de Interese: Fortaleza de Monterreal

 

Parador

Parador

O Parador de Turismo de Baiona é un dos mellor situados de toda a rede de Paradores. Ten 180.000 m2 de superficie e 3 quilómetros de muralla, construída no século XIV polo rei de Castela por causa dos desacordos co seu homónimo portugués.

A finais de 1998 volveuse abrir despois dun curto período de reforma, no que se engadiron habitacións de clase superior e se habilitaron espacios para ximnasio, sauna e xacuzzi. Nesa época tivo lugar no Parador un cumio entre os xefes de estado iberoamericanos.

No século XVIII foi residencia privada do conde de Gondomar. Contan os empregados do Parador que tódolos anos pola mesma época acode aquí unha muller madura que di citarse co espírito do conde e que cada noite, baixo a luz da lúa, se senta a esperalo nun banco da muralla. Sobre eses románticos encontros falará algún día a lenda.

De ambiente señorial

Como o resto de Paradores españois, o de Baiona está decorado con mobiliario castelán e complementos doutras épocas. Conta con infinidade de recantos, estancias agradables de distintos ambientes e espaciosas habitacións con vistas á baía. A súa oferta gastronómica é tamén excelente, baseada nunha carta na que se distinguen as especialidades típicas galegas.

Un mirador sobre o océano

Metade fortaleza medieval, metade pazo galego, o Parador ocupa a península de Monterreal, un espléndido miradoiro sobre o océano arrodeado por un fermoso bosque de vexetación autóctona. No seu recinto mantéñense as antigas torres defensivas que formaban parte do castelo.

Calquera visitante pode acceder ó recinto de Monterreal e desde alí presenciar todo o contorno marítimo de Baiona e os fachendosos solpores sobre a ría.