Illas Estelas

Illas Estelas

Constituídas pola Estela de Terra e pola Estela de Mar, separadas de Monteferro pola canle da Porta e das Serralleiras pola entrada de Carracuído, as Illas Estelas dan coa súa presencia unha beleza excepcional á enseada de Baiona, ó tempo que a protexen do mar aberto. Se ben estas pequenas illas semellan pouco máis que un pouco de terra emerxida onde se asentan colonias de gaivotas e corvos mariños, é baixo da auga onde descubrimos un mundo de vida realmente asombroso, debido ás condicións que a súa situación lles ofrece.

E isto é, en certa maneira, debido a que o 30 de xaneiro de 1976 o mercante liberiano Ivy embarrancou fronte ás illas e afundiuse en medio dun gran temporal. Nun intento de recuperar algunhas pezas, o barco desmantelouse baixo a auga, deixando grandes fragmentos repartidos pola zona, hoxe situados entre 15 e 25 metros de profundidade, que ofrecen unha grande superficie colonizada por moitos crustáceos, moluscos, holoturias, estrelas de mar e nudibranquios, así como unha grande cantidade de esponxas e mesmo mans de morto (Alcyonium digitatum), e protección a bancos de fanecas, robalizas e outros peixes.

Por este motivo as Illas posúen un arrecife artificial extraordinario, estraño ó medio pero que o mar e o tempo conseguiron integrar perfectamente.

Os fondos mariños das estelas

Un factor moi importante para a vida baixo da auga é a forza da corrente e das ondadas, que afecta á distribución de especies, establecéndose claras diferencias entre a zona exposta e a resgardada. Outros parámetros como poden ser a competencia interespecífica, a temperatura da auga (que diminúe coa profundidade formando no verán un termoclima), o tipo de fondo ou substrato, así como a luz incidente, afectan tamén á distribución destas especies. Ademais o réxime de mareas permítenos distinguir tres ambientes diferentes dentro da zona litoral: o submareal, o intermareal e o supramareal. Aquí falaremos da zona mergullada: o ambiente submareal.

Os fondos das illas Estelas están constituídos fundamentalmente por rocha e cascallo, anque entre as rocas atopamos pequenas extensións de area e lama.

FONDOS DE CASCALLO

Nas zonas de alta enerxía das illas Estelas, onde o bater das vagas e correntes síntese con maior forza, atopamos fondos de cascallo. Este tipo de fondo está composto principalmente por restos de cunchas de moluscos (bivalvos e gasterópodos na súa maioría) que, ou ben viven no cascallo, ou ben fano nas zonas anexas e son arrastradas pola corrente, amoreándose en lugares concretos formando unha capa de varios centímetros de espesura. Debido á súa forma e composición, principalmente formados por carbonato cálcico, estes fondos tenden a desaparecer con rapidez, se ben están presentes todo o ano nestas illas gracias a constantes aportes de material. As especies autóctonas que contribúen coas súas cunchas á formación de novo substrato son diversas; así temos bivalvos como a vieira (Pecten maximus), zamburiña (Chlamys varia), ameixa fina (Tapes descussatus), ameixa babosa (Venerupis pullastra), berberecho (Cerantoderma edule), navalla (Ensis ensis), longueirón (Ensis siliquia), reloxiños (Dosinia exoleta), e gasterópodos coma os nasáridos (Nassariidae sp.), e mesmo equinodermos coma os ourizos (Echinus esculentus).

Neste tipo de fondo existe tamén gran cantidade de cangrexos ermitáns que ocupan cunchas baleiras de gasterópodos, vivindo en simbiose con anémonas e hidrozoos. Tamén atopamos con facilidade ofiuras, estrelas (Astropecten sp.) e estrelas de sete brazos (Luidia ciliaris), así como poliquetos (Lanice, Conchilega...) e outros animais que habitan os espacios existentes entre os fragmentos de cunchas.

Asociados a este substrato topamos tamén con peixes como a raia (Raja sp.), peixes planos como a solla (Plaichthys flesus) e outras especies como a faneca brava (Trachinus vipera) e o salmonete (Mullus surmulentus).

FONDOS DE ROCHA

Os fondos que arrodean as illas Estelas son na súa meirande parte rochosos. Trátase dun substrato duro que permite a fixación de varias especies de algas, verdes como as ulváceas e codiáceas, e pardas como a Laminaria sp. ou Saccorhiza polyschides que ofrecen unha superficie adecuada para a fixación de numerosas especies sésiles, como as esponxas, briozoos, hidrozoos e ascidias. Estas algas ofrecen tamén acubillo a outras especies móbiles como a centola (Maja squinado) ou a araña de mar (Macropodia rostrata) e outros crustáceos como os isópodos e anfípodos; así mesmo abondan os moluscos gasterópodos como a orella de mar (Haliotis tuberculata) e outras especies menos coñecidas, xa sexa como adultos ou en diferentes fases do seu crecemento. Tamén son frecuentes as postas de peixes, cefalópodos e de lebres de mar (Aplysia punctata).

Este substrato rochoso ofrece amplas superficies que son colonizadas por especies sésiles, unhas filtrantes como espirógrafos, mexillóns (Mytilus galloprovincialis), cirrípides coma os percebes (Pollicipes pollicipes) e landras de mar (Balanus sp.), que aproveitan a relativa limpeza das augas para alimentarse das partículas en suspensión, sen que estas lles supoñan unha obturación dos seus órganos alimenticios ou respiratorios, e outras detritívoras que se alimentan da materia depositada no fondo.

As rochas ofrecen tamén moitos ocos ou covas que algunhas especies utilizan como refuxio. Nas pequenas fracturas atopamos invertebrados como poliquetos errantes (miñocas), pequenas holoturias (Cucumaria planci), e pequenos crustáceos como camaróns (Palaemon serratus). Nas grandes gretas acubíllanse ademais congros, polbos (Octopus vulgaris), nécoras, lumbrigantes (Hamarus gammarus), o cogombro de mar (Holoturia forksali) e outros organismos de menor tamaño como picnogónidos, ofiuras (Ophiocornia nigra), estrelas (Marthasterias glaciali, Asterina gibbosa...), góbidos e blénidos. A superficie das rochas está colonizada por especies que contan cos seus propios sistemas de protección como as cunchas dos moluscos (bivalvos e gasterópodos) tamén usados polos cangrexos ermitáns; o esqueleto de equinodermos [estrelas, ofiuras, holoturias e ourizos (Sphaerechinus granularis y Paracentrotus lividus)] ou as defensas químicas, típicas de opistobranquios [Aplysias e nudibranquios (Hypselodoris sp.)], anémonas (Anemonia viridis y Actinohoë sphyrodeta...). E de cefalópodos, como o polbo e a sepia.

Dada a abundancia de pequenos invertebrados que viven sobre a rocha, hai gran cantidade de depredadores que ocupan un nivel máis alto na cadea trófica. Os máis comúns son as maragotas ou pintos (Labrus bergylta) e os cardumes de fanecas ou de sargos (Diplodus sargus, Puntazzo puntazzo), anque tamén abondan lorchos (Gobidae sp.), robalizas (Dicentrachus labrax), serránidos (Symphodus melops), escarapotes (Scorpaena sp.) e congros. Entre os cefalópodos atopamos polbos, sepias e luras; e, entre os crustáceos, nécoras, centolas e lumbrigantes.

Texto: Iñaki Miniño y Abraham Calero.

 
Engadir ao planificador de viaxes
Este lugar pertence a ruta seguinte: Natureza