Senda Fluvial muíños de Baredo

Situada na parroquia de Baredo, esta senda fluvial de, aproximadamente 1'2 km. de lonxitude, discorre a través dunha pasarela de madeira, dende a que se observan varios muíños. Moi próximo a esta zona, atopámonos coa zona de Cabo Silleiro.

Para chegar á senda farémolo pola estrada PO-552 en dirección  á Guarda. Pasando a rotonda de entrada á autoestrada, en Baredo, a uns 450 metros á esquerda comeza a senda. Outro posible acceso é a través da parroquia de Baredo. Próximo á igrexa parroquial existe un lavadoiro, polo que se accedería a un punto central do roteiro.

Entre os muíños que podemos atopar están o muíño do "Barreiro", o "Da Maquía", o "O Pinicho",  "A Foupa",  "A Torre", "O Cogulado de arriba,  "O Cogulado do Medio" e o "O Cogulado de Baixo".

O proceso de funcionamento dos muíños, pódese observar nos atrís que hai situados ao pé de cada un. Neles explícase a historia dos muíños de canle, o seu funcionamento, as partes que compoñen un muíño etc.

 

 Senda de dificultade baixa e de fácil percorrido.