« Atrás

Monte da Groba


O monte da Groba (648 m.) é o punto de meirande altitude do municipio e forma parte da serra do mesmo nome. Alí está o amplo miradoiro do Cortelliño, na parroquia de Belesar, desde o que as Rías Baixas semellan unha sobria e colorista acuarela.

Para chegar ó monte, situado a 11 km, hai que tomar unha subida situada á esquerda da saída de Baiona (dirección a A Guarda). O contorno da Groba está dominado por unha vexetación de piñeiros e eucaliptos e plantas de mato como o toxo, o breixo e a carqueixa. Atravésao o río Groba e unha fraga mesta e silenciosa, soamente alterada polo son das aves e o correr da auga.

Non hai nada máis san e natural que subir a este monte e percorrer pousadamente as súas fermosas sendas e os seus carreiros, observar os cabalos e garañóns salvaxes pacendo nas abas do monte nunha escena que se repite milleiros de anos despois de que os homes da Idade do Bronce deixasen testemuña da presencia destes animais nas series de petroglifos que pintaron nas rochas das zonas altas do monte.