A cociña galega

Vieiras e bo viño

Resulta indiscutible, e iso é o que a distingue fóra das súas fronteiras, que a cociña galega cimentou o seu prestixio desde tempos pretéritos na excelencia dos seus produtos: magníficas carnes, formidables froitos do campo e, sobre todo, inigualables mariscos e pescados.

Para os amantes do viño, esta tamén é unha boa terra para lle dar pracer ó padal. Cinco denominacións de orixe aseguran a variedade e calidade dos caldos: Monterrei, Rías Baixas (unha das súas cinco subzonas, O Rosal, linda con Baiona), Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras.

Entre os elementos fundamentais da dieta galega cóntanse algúns protexidos polos 16 consellos reguladores de denominación de orixe, produtos con indicativo de calidade que responden a unhas calidades xenuínas, recoñecidas pola norma EN 45011 da Comunidade Europea, resultado dunha tradición produtiva que mima os alimentos e rexeita estratexias de produción aceleradas. Entre eles, e ademais dos mencionados viños, están os produtos do campo amparados polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica, o mel, o mexillón, o lacón, o bagazo, varios tipos de queixos e a vitela galega.

Na cociña galega dominan os pratos sinxelos e tradicionais. Aínda que os restaurantes hai tempo que comezaron a innovar nas súas creacións, a gran calidade dos produtos sempre chegou para preparar un prato exquisito. Este e non outro é o segredo desta cociña da que poderás gozar nos moitos restaurantes, mesóns e casas de comida do municipio de Baiona.