Situada na península que leva tamén o seu nome, tras desta pequena capela -de planta rectangular e unha nave- agáchanse algunhas das páxinas crueis da historia de Baiona. Pola súa situación sufriu os acosos dos piratas que asexaban a vila, que a estragaron e queimaron repetidas veces (un deles o pirata Drake, en 1585, a quen botaron as forzas e veciños de Baiona cando lle prendía lume á capela). Xa en tempos de sosego foi restaurada polos veciños, os cales do seu estilo románico de transición só puideron manter a porta sur, de arco semicircular e tímpano liso.