Ponte románica da Ramallosa

N 42° 6' 55.8828"
W 8° 48' 45.327"

ponte románica

Esta ponte, que atravesa o río Miñor e divide os termos municipais de Baiona e Nigrán, é unha das máis fermosas de estilo medieval que se conservan en Galicia. Ten 10 ollos ou vans con arcos de medio punto, dos cales oito (36 metros de lonxitude) pertencen a Baiona. Algúns deles son arcos oxivais, seguramente debido ós estilos vixentes nas épocas nas que debeu de sufrir algunha reparación.

Na metade da ponte consérvase un cruceiro, que ten ós seus pés unha imaxe de san Telmo, patrón dos navegantes e a quen a historia lle recoñece o telo mandado construír.

Debaixo da ponte hai un peto de ánimas que representa ás ánimas en pena. Ata hai poucas décadas, xunto desta ponte celebrábanse ritos relacionados coa fertilidade. Segundo a tradición, a muller encinta que non lograba ter fillos conxuraba ó seu fado adverso vertendo sobre o seu ventre auga do río. A conxura, para ser efectiva, debía realizarse ás 12 da noite, debendo apadriñar a criatura a primeira persoa que atravesase a ponte despois do conxuro.

 
Engadir ao planificador de viaxes
Este lugar pertence a ruta seguinte: Histórica