Fortaleza de Monterreal

N 42° 7' 4.4256"
W 8° 51' 5.9646"

Fortaleza de Monterreal

Encóntrase situada na península de Monte Boi, tamén coñecida como de Monterreal. Coñécese dende hai máis de 2.000 anos como recinto amurallado. Séculos antes do nacemento de Cristo, habitaron nela diferentes pobos, entre eles celtas, fenicios e romanos. Xa na nosa era se viu ocupado por diversos poboadores e sufriu gran cantidade de ataques, así como de modificacións. Antigamente, asentouse aquí a vila de Baiona, por privilexio outorgado polos Reis Católicos para defenderse das incursións corsarias.

A península ocupa unha extensión de 18 hectáreas rodeadas de 3 km. de murallas ameadas de entre os séculos XI e XVII. 

Despois, o recinto converteuse en residencia dos diferentes gobernadores militares da fortaleza, entre eles o Conde de Gondomar. Posteriormente pasou a máns privadas ata que, en 1963, o adquiriu o Ministerio de Información e Turismo para instalar no seu interior o Parador de Turismo "Conde de Gondomar".

Actualmente a muralla mantén as tres torres dende as que se vixiaba a fortaleza. Na entrada está a torre do reloxo (que agochaba unha campá que servía para dar a alarma en caso de ataque inimigo); ó leste érguese a torre da tenaza, que tiña como cometido defender o porto mercé a unhas baterías de tiro instaladas alí, e, na parte máis oriental da fortaleza, sobre a baía, está a torre do príncipe, se cadra a máis antiga, que actuaba como faro para os navíos. Esta última ten tres escudos (dos Austrias, dos Sotomayor e o da vila) e debe o seu nome a que nela estivo preso o príncipe portugués Afonso Enriques en 1137.

A fortaleza pódese visitar calquera día do ano. Desde ela é agradable presenciar os magníficos solpores sobre a ría e sobre as illas Cíes e mais a liña marítima sobre a que se estira Baiona.

 
Engadir ao planificador de viaxes
Este lugar pertence a ruta seguinte: Histórica