baiona.org

Noticias

« Atrás

BAIONA ULTIMA A REFORMA E AMPLIACIÓN DA SÚA BIBLIOTECA PARA CREAR O MAIOR ARQUIVO HISTÓRICO DA COMARCA

 A remodelación do edificio Sancti Spiritus, do século XVII, finalizará en xuño para dar definitivamente custodia, seguridade e conservación o patrimonio documental da VilaAlcalde, concelleiros e veciños visitaron as obras da man do arquitecto Óscar López e os responsables da reforma

A rehabilitación conta cun investimento superior aos 1,1 millóns aportados polo Ministerio de Fomento grazas ao 1,5% Cultural  

Baiona contará este mesmo ano co maior Arquivo Histórico da comarca e un dos máis importantes de Galicia grazas a rehabilitación do edificio Sancti Spiritus que alberga a Biblioteca Municipal que xa estaba instalada nesta emblemática construción do século XVII.

“Estamos ante un proxecto excepcional, no que intentamos facer a menor intervención posible respectando a historia do edificio para lograr as maiores prestacións posibles”. Así definiu o arquitecto Óscar López Alba, gañador do concurso de ideas convocado polo Concello de Baiona, a reforma do edificio Hospital Sancti Spiritus, da Magdalena e da Caridade.

O alcalde, Ángel Rodal; a concelleira de Cultura, María Iglesias; a concelleira de Infraestruturas, Ana Simons; o concelleiro de Accesibilidade, Policarpo Vilar; a concelleira de Educación, Carmen Paredes, e a directora do Arquivo Histórico e Biblioteca de Baiona, Cristina Vilar, asistiron este martes, xunto aos concelleiros Rafael Lores e Silvano Montes e veciños da Vila, a unha visita guiada ás obras das novas instalacións que xa se atopan na derradeira fase.

“Neste espazo conxúganse unha xoia patrimonial cunha xoia cultural, este era o noso principal obxectivo que poderá ver a luz moi pronto”, apuntou Ángel Rodal.

Da man do arquitecto e de responsables da obra, os asistentes percorreron o edificio no que nacerá o novo Arquivo Histórico e Biblioteca de Baiona e que dará cabida tamén a espazos multiusos para levar a cabo actividades que ata o de agora non  se podían realizar por carencia de espazo, como exposicións ou proxeccións de cine. “As nosas prioridades foron crear un espazo agradable, bonito e práctico, o máis accesible e o máis utilizable posible”, explicou Oscar López durante a visita.

Pola súa banda, Cristina Vilar destacou a importancia da iniciativa. “A reforma deste edificio histórico é unha gran nova, posto que Baiona ten un patrimonio documental que está entre os máis importantes de Galicia. Conta con algún documento do século XIV, pero documentación propiamente dita xerada pola actividade municipal dende o ano 1542 ata a actualidade, aínda que no século XVI con moitas lagoas”, sinalou.

O novo Arquivo Histórico permitirá conservar toda a documentación existente dende hai séculos, un patrimonio que reforzado co Fondo Local, unha colección de 220 rexistros que ven a completar esta sección  como punto de referencia en estudos locais. Engádeselle outros fondos especiais cos que conta a Biblioteca, como o Fondo Arribada, creado no 2012 para catalizar os estudos vinculados con Baiona e o Descubrimento. As novas instalacións darán un mellor condicionamento para custodiar a sección do patrimonio bibliográfico que tamén foi creado no 2012 con dúas coleccións, Biblioteca Ángel Bedriñana e a colección das publicacións históricas coas que conta o fondo total da biblioteca. 

 

compartir en facebook compartir en twitter

Promedio (0 Votos)