baiona.org

Noticias

« Atrás

A CAMPAÑA INFORMATIVA DO PLAN COMPOST REVITALIZA DA DEPUTACIÓN CHEGA A BAIONA

 Unha carpa instalada no Burgo e nos Tendais ofreceu información sobre os beneficios da compostaxe 

Baiona acolleu esta semana a campaña  Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra coa instalación dunha carpa nos barrios do Burgo e Os Tendais, onde persoal especializado ofreceu información sobre os beneficios da compostaxe e repartiu mostras para que  os veciños poideran comprobar coas súas propias o aproveitamento da materia orgánica.

O Concello de Baiona xa instalou hai meses puntos de composteiros comunitarios no barrio dos Tendais,  no Camiño do Carme, na parroquia de Sabarís, e no Burgo, onde os veciños poden depositar os residuos para que sexan sometidos aos procesos de compostaxe.

O proxecto pretende o aproveitamento da materia orgánica, posto que constitúe practicamente o 50% de todos os residuos urbanos, polo que o Concello e a Deputación animan aos baioneses a utilizar os composteiros xa instalados.

Segundo os datos da Concellería de Medio Ambiente, a produción dun cidadán en Baiona é de aproximadamente 400 gramos de materia orgánica diaria e considérase que o sistema empeza a ser rendible se se recolle arredor de 250 gramos. Desta forma podería aforrarse un 20 euros por habitante e ano en tratamento deses residuos, xa que de cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense 15 quilos de compost.

“A Unión Europea pretende que no ano 2020 recíclese un 70% dos residuos urbanos que se xeran, e Baiona dentro do plan Revitaliza da  Compostaxe aspira a este obxectivo, xa que supón vantaxes económicas e ambientais”, apunta María Iglesias, concelleira de Medio Ambiente.

O Concello destaca que coa compostaxe afórrase en fertilizantes e mellórase a calidade das terras e plantas, sen elementos químicos, fortalécense o chan do céspede, dos arbustos, das árbores e da horta, cunha calidade de asimilación incomparablemente superior á de sustancias químicas ou substratos de orixe descoñecida que compramos.

Dende Medio Ambiente apuntan tamén que o compost vigoriza a terra e favorece a actividade da vida microbiana, evita a erosión e o lixiviado dos nutrientes e, en xeral, potencia e favorece toda a actividade biolóxica dos chans, que é a mellor garantía para previr pragas e enfermidades nos vexetais.

“Contribuímos a reducir a contaminación ao non utilizar axentes químicos e evitar a incineración, facemos do lixo un recurso e pechamos o ciclo da materia orgánica, o que sae da terra volve á terra, reducindo tamén o consumo de combustibles para o transporte”, engade a concelleira.

As campañas municipais tamén demostran que as familias que participan na reciclaxe e separan correctamente a parte orgánica melloran tamén as cocientes de separación de envases, cartón e vidro.

 

compartir en facebook compartir en twitter

Promedio (0 Votos)