baiona.org

Sistema monetario

Euros

Dende o 1 de xaneiro do 2002 en España, coma nos demais países membros da Unión Económica e Monetaria da Comunidade Europea, circula a moeda única europea (euro), desprazando á popular peseta instaurada como sistema monetario en 1868.

Os valores determinados para as oito moedas que compoñen o sistema monetario europeo son 1, 2, 5, 10, 20, 50 céntimos de euro e 1 e 2 euros. No caso de España os motivos seleccionados están dedicados á Institución Monárquica, a personaxes españois de sona universal e á arquitectura representativa do noso país: 1 e 2 euros (efixie da S.M. El-Rei D. Juan Carlos I, cores branca e amarela), 10, 20 e 50 céntimos (Miguel de Cervantes Saavedra, cor amarela), 1, 2 e 5 céntimos (catedral de Santiago de Compostela, cor avermellada).

Os billetes son sete, de 5, 10, 20, 50, 100, 200 e 500 euros. As denominacións teñen cores diferentes e tamén tamaños e sinais táctiles especiais, pensando nas persoas invidentes ou coas facultades visuais minguadas. Nos billetes están representadas as 7 épocas da historia da cultura europea: clásica (billete de 5 euros), románica (10 euros), gótica (20 euros), renacemento (50 euros), barroco e rococó (100 euros), arquitectura do ferro e do vidro (200 euros), arquitectura moderna do século XX (500 euros).