baiona.org

Organización política

Casa Correa

Organización política do Estado español



Preliminares

O 31 de outubro de 1978 as Cortes en sesións plenarias do Congreso dos Deputados e do Senado aprobaron a Constitución Española. Dita Carta foi ratificada polo pobo español en referendo do 6 de decembro de 1978 e sancionada por El-Rei ante as Cortes o 27 de decembro de 1978.

A Constitución española de 1978 é unha norma vinculante para todos os cidadáns e poderes públicos. Nela establécense os valores que guiarán o ordenamento xurídico español, formula a estrutura dos poderes do Estado e fixa os límites á actuación dos devanditos poderes, garantíndolles uns dereitos fundamentais a todos os cidadáns de acordo cos recoñecidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos.

Consta de 169 artigos e é, con excepción da de 1812, a Constitución máis extensa da historia de España.

No seu Preámbulo, di:

  • A Nación española, desexando establecer a xustiza, a liberdade e a seguridade e promover o ben de cantos a integran, no uso da súa soberanía, proclama a súa vontade de:
    • Garantir a convivencia democrática dentro da Constitución e das leis conforme a unha orde económica e social xusta.
    • Consolidar un Estado de Dereito que asegure o imperio da lei como expresión da vontade popular.
    • Protexer a todos os españois e lugares de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións. Promover o progreso da cultura e da economía para asegurarlles a todos unha digna calidade de vida.
    • Establecer unha sociedade democrática avanzada e
    • Colaborar no fortalecemento dunhas relacións pacíficas e de eficaz cooperación entre todos os pobos da Terra.
  • En consecuencia, as Cortes aproban e o pobo español ratifica a seguinte Constitución:



O Estado na Constitución

 

Nos seus artigos 1 e 2, a Constitución Española di:

  • Artigo 1
    1. España constitúese nun Estado social e democrático de Dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político.
    2. A soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado.
    3. A forma política do Estado español é a Monarquía parlamentaria.
  • Artigo 2
  • A Constitución fundaméntase na indisoluble unidade da nación española, patria común e indivisible de todos os españois, e recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre todas elas.

Estado de dereito

A finalidade do Estado de Dereito é garantir os dereitos fundamentais e as liberdades dos cidadáns a través dunha orde xurídica e política que somete á Constitución e ás leis as actuacións dos poderes públicos e dos propios cidadáns.

Estado democrático

A Constitución establece no seu Preámbulo que a vontade da Nación española será "garantir a convivencia democrática e establecer unha sociedade democrática avanzada" e recoñece que a soberanía nacional reside no pobo, que exercitará principalmente ese principio a través das urnas. Esa democracia é, polo tanto e fundamentalmente, unha democracia representativa: o nexo entre Estado e sociedade correspóndelles ós partidos políticos, os cales "expresan o pluralismo político, concorren á manifestación da vontade popular" e deben actuar dentro do respecto á Constitución e á lei.

Estado social

A Constitución española avoga por que o Estado garanta as condicións necesarias de existencia material da persoa para conseguir un exercicio eficaz dos dereitos dos cidadáns.

Nos seus artigos 39 a 52 (Título primeiro, capítulo III) recoñece uns dereitos sociais do individuo (dereito ó traballo, a unha vivenda digna, á protección da saúde) que, aínda que non poidan ser garantidos do mesmo xeito cós dereitos fundamentais -posto que non son esixibles ante os tribunais-, vinculan os poderes públicos (art. 9.2).

Monarquía parlamentaria

É a forma política do Estado español, que se distingue polo establecemento dun poder executivo dual (representado polo xefe do Estado -El-Rei- e o presidente do Goberno, que dirixe a acción do Goberno e preside o Consello de Ministros) e un poder lexislativo, que reside nunhas Cortes bicamerais (Congreso e Senado) que controlan a acción do Goberno.

O Rei de España, don Juan Carlos de Borbón y Borbón é o Xefe do Estado, símbolo da súa unidade e permanencia. Exerce as funcións que lle atribúen expresamente a Constitución e as leis e modera o funcionamento regular das institucións. A persoa de El-Rei é inviolable e non está suxeita a responsabilidade. Os seus actos serán referendados polo presidente do Goberno ou polos ministros competentes. Deses actos de El-Rei serán responsables as persoas que os referenden.

Estado das autonomías

A Constitución configura a España como un Estado de Autonomías, modelo que comparte a soberanía nacional coa lexitimidade outorgada polos cidadáns das 17 comunidades autónomas españolas ós seus respectivos estatutos de autonomía. Non é, daquela, nin un Estado centralizado nin un Estado federal aínda que se asemelle parcialmente a este último.

Estado membro da Unión Europea

España integrouse na Unión Europea o 1 de xaneiro de 1985, co que o ordenamento xurídico ditado pola Comunidade Europea pasou a formar parte do sistema legal español. Esas normas do dereito comunitario, que priman sobre as normas nacionais, encádranse dentro dun dereito primario (integrado polos tratados europeos, que éo marco constitucional da UE) e un dereito derivado (regulamentos, directivas ou decisións de carácter obrigatorio, adoptadas polas institucións comunitarias en aplicación e desenvolvemento dos obxectivos e principios dos tratados).

O 1 de novembro de 1993 entrou en vigor o Tratado da Unión Europea; os seus puntos máis importantes -os coñecidos como "piares" da UE- son 3:

  1. Avance cara á consecución da Unión Económica e Monetaria (UEM), que rematará coa adopción da moeda única (ECU) no ano 2002 por parte dos países membros.
  2. Creación dunha Política Exterior e de Seguridade Común (PESC), que procura unha voz común dos Doce en asuntos de política internacional.
  3. Cooperación en materias de xustiza e asuntos internos, centrada nas políticas de asilo e inmigración, cooperación policial, loita contra a droga e cooperación xudicial (civil e penal).

O Tratado da Unión prevé igualmente algunhas reformas institucionais, como é o fortalecemento dos poderes do Parlamento Europeo e a creación dun Comité das Rexións.




A Administración Pública na Constitución

 

A Administración Pública serve os intereses xerais e actúa de acordo cos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación, con sometemento pleno á lei e ó Dereito.

O Estado organízase territorialmente en municipios, provincias e Comunidades Autónomas, que gozan de autonomía para a xestión dos seus respectivos intereses. Por tanto, máis que por unha Administración Pública, o Estado se rexe por unha pluralidade de Administracións Públicas:

Administración central

É a Administración Pública propia do Estado e está dirixida polo Goberno e sometida plenamente ó ordenamento xurídico. Organízase nunha Administración central, que exerce as súas funcións sobre todo o territorio nacional, e unha Administración periférica, que é a extensión da Administración central nos ámbitos territoriais.

Administración autonómica

O artigo 2 da Constitución española recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que integran a Nación española e a solidariedade entre todas elas. A Constitución configura a España como un Estado de Autonomías, entidades que gozan de autonomía para a xestión dos seus respectivos intereses e posúen institucións para o seu autogoberno.

Dentro dos termos da Constitución española os estatutos serán a norma institucional básica de cada unha das 17 comunidades autónomas existentes. O Estado recoñecerá e amparará os devanditos estatutos como parte integrante do seu ordenamento xurídico, segundo se recolle no artigo 147 da Constitución.

As Comunidades Autónomas organízanse institucionalmente en torno a:

  • unha asemblea lexislativa, elixida por sufraxio universal,
  • un Consello de Goberno que posúe funcións executivas e dirixe a Administración da Comunidade Autónoma,
  • un presidente elixido pola asemblea de entre os seus membros, que dirixe o Consello de Goberno e que ten a máxima representación desa Comunidade Autónoma e a ordinaria do Estado en dita Comunidade, e
  • un Tribunal Superior de Xustiza, que culmina a organización xudicial no territorio desa Comunidade Autónoma e co que se completa a estrutura institucional.

Xunta de Galicia

É o órgano colexiado de Goberno de Galicia e ten a súa sede en Santiago de Compostela (edificio de San Caetano). Está integrado polo presidente, vicepresidente e conselleiros. Responde politicamente ante o Parlamento (75 deputados), que exerce a potestade lexislativa, controla a acción da Xunta, aproba os orzamentos e exerce as demais funcións que lle atribúe o Estatuto.

A Xunta cesa despois da celebración de eleccións ó Parlamento Galego e, nos casos de perda de confianza parlamentaria, de demisión ou de falecemento do seu presidente. De todos os xeitos, a Xunta cesante continúa en funcións ata a toma de posesión da nova Xunta.

O presidente da Xunta de Galicia é Emilio Pérez Touriño (A Coruña, 1948). É presidente desde este ano 2005 e representa o Partido Socialista de Galicia.

Parlamento de Galicia

É o máximo órgano representativo do pobo galego e a súa sede está en Santiago de Compostela. Constituíuse por primeira vez en 1981, tras as primeiras eleccións autonómicas galegas.

A potestade lexislativa é a súa primeira función, á que se unen a de controlar a acción executiva da Xunta, a aprobación dos orzamentos da Comunidade e as demais competencias atribuídas pola Constitución, o Estatuto de Autonomía e polas leis do Estado e do propio Parlamento.

Está formado por 75 deputados, elixidos por sufraxio universal para un período de catro anos polos galegos residentes dentro do territorio peninsular e no estranxeiro. Os parlamentarios representan as catro provincias que forman a Comunidade Autónoma (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra) e intégranse en grupos parlamentarios para poder realizar a súa actividade representativa. Ditos grupos deberán estar compostos, polo menos, por cinco deputados. De non ser así, os deputados pasan a formar parte do grupo mixto.

As leis do Parlamento son promulgadas polo presidente da Xunta, en nome de El-Rei de España, e publicadas no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado. De controlar a constitucionalidade das leis do Parlamento encárgase o Tribunal Constitucional.

Estatuto de Autonomía de Galicia

A Constitución española de 1978 regula a estrutura territorial do Estado e recoñece e garante o dereito á autonomía das diferentes nacionalidades e rexións que integran España.

Para aprobar o Estatuto de Autonomía de Galicia celebrouse en decembro de 1980 un referendo entre o pobo galego. Malia se rexistrar un gran número de abstencións (71%) os galegos decantáronse claramente a favor do Estatuto (21,2% de partidarios fronte a un 5,8% de votos contrarios).

O Estatuto, que se aprobou en 1981, recoñece a condición histórica desta Comunidade e asume como tarefa principal a defensa da identidade e dos intereses de Galicia, e a promoción da solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego.

O Estatuto establece que o galego é a lingua propia de Galicia e, aínda que recoñece a súa coexistencia oficial co castelán, contempla a obriga dos poderes públicos de potenciaren o emprego do galego en todos os ámbitos da vida diaria para facilitar o seu coñecemento.

Administración local

As entidades locais tamén gozan de autonomía administrativa e personalidade xurídica propia, segundo contempla a Constitución. Estas entidades son elementos básicos na organización territorial do Estado e organízanse en municipios e provincias. O Estatuto de Autonomía de Galicia recoñece a comarca como entidade local con personalidade xurídica e demarcación propias. A comarca non suporá necesariamente, segundo o Estatuto, a supresión dos municipios que a integren.

O municipio

Os municipios gozan de autoridade xurídica plena. O seu goberno e administración correspóndelles ós seus respectivos concellos, integrados por un alcalde e varios concelleiros, elixidos polos veciños do municipio mediante sufraxio universal. O municipio representa os intereses do seu territorio e dos seus veciños, encárgase da xestión e administración das competencias e servizos públicos e é o nexo que promove a participación dos seus veciños nas institucións públicas.

A provincia

Ten, coma os municipios, personalidade xurídica propia. É unha agrupación de municipios determinada pola división territorial para o cumprimento das actividades do Estado. Calquera alteración dos límites provinciais haberá ser aprobada polas Cortes mediante lei orgánica.

O Goberno e a administración autónoma das provincias están encomendados ás deputacións provinciais, cabidos ou consellos insulares (nos arquipélagos) ou outras corporacións de carácter representativo.

Administración periférica

Organízase como unha estrutura de órganos territoriais que actúa como extensión da Administración central. Eses órganos -que non son unha persoa xurídica distinta do Estado- teñen como misión asegurar, en todos os ámbitos do territorio nacional, o cumprimento dos fins de interese xeral. Os seus representantes territoriais son os delegados do Goberno nas comunidades autónomas e as direccións provinciais departamentais, tamén chamadas delegacións provinciais dos ministerios.

Fuente: PÉREZ DE LAMA, ERNESTO. Manual del Estado Español, Ed. Lama, Madrid, 1994.