baiona.org

Santa Cristina da Ramallosa

Sta. Cristina

Pertencía en tempos pasados á parroquia lindeira de Borreiros (Gondomar). A xoia artística desta parroquia é a ponte romana da Ramallosa que separa os concellos de Baiona e Nigrán. A ponte, de 10 arcos de medio punto, ten na súa metade un fermoso cruceiro (probablemente do século XV ou XVI) e na súa parte baixa un antigo peto de ánimas. Xunto a este, na beira do río Miñor, celebrábase ata hai ben pouco un rito relacionado coa fertilidade.

Bañando as terras desta parroquia discorre, ata a súa desembocadura na ría de Baiona, o río Miñor. E ese treito final do río, despois de traspasar os vans da ponte, forma un esteiro espléndido ateigado de brañas e xunqueiras e habitado por garzas e outras aves mariñas. Cara ó final do esteiro está a praia da Ladeira, a máis extensa e concorrida do municipio.

Santa Cristina é, ademais, unha importante zona comercial. En Sabarís, ó longo da recta que leva á estrada comarcal E-550 a desembocar ó casco urbano de Baiona, esténdese todos os luns do ano –mantendo un costume que dura máis dun século– unha ringleira interminable de postos e tendas de todo tipo. Precisamente á beira desta estrada aparece a igrexa parroquial, unha construción moderna dado que Santa Cristina non tomou rango de parroquia ata hai poucas décadas. De calquera xeito, o templo, que se distingue por un alto e bicudo campanario, mantén un pórtico que pertenceu a unha vella capela romana.

Núcleos de poboación: Area, Bouzós, Caeiro, Cruceiro, Devesa, Ladeira, Morade, Outeiro, Ponte, Ponte Nova, Ramallosa, Riveira, Sabarís, Serralleira, Sopegal, Viso de Calvos e Xuncal.

Patrón: Santa Cristina (24 de julio).