baiona.org

Belesar

Adxuntouna á Colexiata de Baiona en 1482 Diego de Muros. Anteriormente pertencía ó mosteiro de Oia. Segundo parece o seu topónimo deriva do nome Belisarius.

Belesar é coñecida coma o "balcón do Val Miñor": non hai mellor vista de todas as Rías Baixas que desde o miradoiro do Cortelliño, na serra da Groba.

Se cadra é este contorno rural da Groba, atravesado polo río e a súa fraga –un espazo presidido polos sons da natureza e rico en especies vexetais e animais– o ben máis valioso da parroquia: camiños empedrados, sendeiros rurais coutados por unha múltiple vexetación, greas de cabalos e vacas en estado medio salvaxe vagueando polas abas da súa serra... Tamén neste territorio natural, a zona de meirande altitude de todo o municipio (632 metros), se conservan sinalizados varios núcleos de petroglifos da Idade do Bronce.

Para coñecemento do afeccionado á boa mesa, na parroquia de Belesar hai varios restaurantes cunha oferta gastronómica que se distingue pola súa carne grellada de primeira calidade.

Núcleos de poboación: Estivada, Granxa, Medialdea e Urgal.

Patrón: San Lorenzo.