baiona.org

Baíña

Baíña

Coñecida na Idade Media co nome de Vayna, pertencía ós dominios do mosteiro de Oia ata que en 1482 Diego de Muros, bispo de Tui, a anexionou a Baiona. O topónimo co que era coñecida en época medieval parece que procede –aínda que é, co de Baiona, o que máis problemas presenta para saber da súa orixe– da acepción galega coa que se designa igualmente a funda dun coitelo e da parte que envolve as sementes das leguminosas.

A súa superficie esténdese desde a península de Santa Marta ata o parque forestal de Chan da Lagoa. En Santa Marta estableceuse o pirata Drake cando tentou conquistar Baiona; antes de abandonar o seu propósito o bandido profanou e queimou a súa ermida, reconstruída logo polos veciños.

Non é a ermida o seu único herdo artístico posto que en Santa Marta existe tamén unha zona de petroglifos e, a cinco minutos de Chan da Lagoa, quedan restos de muros e pontes do poboado medieval de San Cosme, que se tenta reconstruír. É esta parroquia rica en recursos forestais e naturais e polas abas da Lagoa é frecuente observar pacendo greas de cabalos salvaxes.

Núcleos de poboación: Almirante Fontán, O Burgo, Cruceiro, Eidos, Fontes, Igrexa, Laxes, Río, San Cosme e Santa Marta.

Patrón: Santa Mariña e Santa Marta.