baiona.org

Historia

Escudo

Historia de Baiona



Baiona romana e medieval

Algúns autores atribúen a fundación de Abobriga no ano 140 a.C. (primeiro nome de Baiona) a Diomedes de Etolia, fillo do príncipe Tideo, fundador de Tui. Nesa época os romanos expulsan da península ibérica os cartaxineses pero algunhas rexións coma Galicia e Lusitania érguense contra eles. Para combater estes levantamentos Roma envía o cónsul Flavio Serviliano que cerca os rebeldes destas terras no recinto fortificado da Erizana. Unha noite Viriato entra polo mar co seu exército, acurrala os romanos entre a montaña e a ría e libera a poboación, que horas antes respondera ás ameazas de Flavio Serviliano de pasalos ó coitelo. Deste xeito: "os nosos pais non nos deixaron ouro e prata para mercar a liberdade senón ferro para defendela".

No ano 60 da nosa era Xulio César chegou a esta vila coa intención de asaltar coas súas tropas as illas Cíes e destruír os herminios alí refuxiados, que se renderon ante o bloqueo ordenado polo emperador romano.

No ano 587 é conquistada polo rei visigodo Recaredo. O monarca anexiónaa ó seu reino e decide acuñar unha moeda para conmemorar o seu triunfo.

Entre os anos 730 e 750 a vila é dominada polos árabes, que perden a súa posesión en beneficio do rei Alfonso I. Non sería aquela a única presenza árabe nesta xeografía posto que séculos despois, en 997, o rei Almanzor -consciente da importancia estratéxica do lugar e da súa fortaleza- consegue conquistar a vila.

Época baixomedieval e comezo da Idade moderna

Unha das datas máis significativas na historia de Baiona é quizais a de 1201, ano en que o rei Alfonso IX de León asinou nas illas Cíes unha Carta-Puebla pola que outorgaba a Erizana o nome de Baiona e lles concedía ós seus habitantes importantes foros e privilexios para o comercio marítimo. Deste xeito, deixaba de depender do señorío do mosteiro de Oia.

Como queira que Baiona era valorada como enclave estratéxico as súas posibilidades de ser atacada eran elevadas. En 1331, durante a guerra entre os reinos de Castela e Portugal, foi atacada pola flota dirixida polo almirante portugués Pezaña, o que provocou na vila enormes estragos. Catro décadas máis tarde, en 1370, o novo rei de Castela, Fernando I de Portugal, fixa a súa residencia na fortaleza de Monte Boi, ata que é derrotado polas tropas castelás.

Un dos episodios que puido cambiar a historia de Galicia sucedeu en 1388, cando o británico duque de Lancaster arribou á Coruña cun exército. Na súa intención de conquistar o trono de Castela para a súa muller, dona Constanza -herdeira lexítima segundo as Cortes de Sevilla-, toma primeiro esa cidade e, máis tarde, Compostela, Pontevedra e Vigo. Motuax, mariscal do seu exército, consegue tamén chegar á porta de Baiona cos seus 1.000 arqueiros e logra, sen que se derrame unha pinga de sangue, que as autoridades se sometan. Lancaster consegue tamén pactar co rei de Portugal para atacar o inimigo común e pídelle a don Juan, rei de Castela, que lle entregue a dona Constanza o trono. Pero este non acepta e propón o matrimonio do seu fillo Enrique III (de 10 anos) con Catalina (de 14), filla de Lancaster e de Constanza. A proposta é aceptada e Lancaster institúe o título de Príncipes de Asturias -como émulo do británico principado de Gales- que ostentarán por primeira vez Enrique e Catalina.

Esta xeira de guerras e pactos arruina a Baiona, que non volverá deica o século XV recibir un novo pulo. En 1425 o rei Juan II decide que A Coruña e Baiona sexan os únicos portos galegos nos que se descarguen as mercancías procedentes do estranxeiro e, posteriormente, autoriza a este porto a importar e exportar calquera clase de mercadoría.

En 1474 é asaltada de xeito sanguento por Pedro Álvarez de Sotomayor, máis coñecido como Pedro Madruga, un dos personaxes máis desapiadados da época feudal galega. Amante dos castelos e fortalezas, Madruga constrúe no pico do monte Boi unha casa-torre, que aínda hoxe permanece en pé como parte do actual parador de turismo.

Un ano despois os habitantes de Baiona toman partido por Alfonso V, rei de Portugal, na súa loita contra os Reis Católicos. Finalmente, tras dun longo asedio, o monarca e os baioneses, abeirados na fortaleza de monte Boi, deciden renderse. Aínda intentou cercar as súas murallas en 1478 Pedro Madruga pero viuse obrigado a desistir ante as forzas reais.

A data máis sinalada da historia de Baiona é a do 1 de marzo de 1493, día no que arribou a porto a carabela Pinta, comandada por Martín Alonso Pinzón e pilotada por Diego Sarmiento -natural desta bisbarra-. Baiona convertíase así no primeiro lugar de Europa en ter noticia do descubrimento de América. En 1497 os Reis Católicos concedéronlles ós habitantes de Baiona numerosos privilexios ordenándolles viviren, en previsión das invasións estranxeiras, dentro do recinto da fortaleza de monte Boi, que a partir de entón tomaría o nome de Monte Real. Entre os privilexios outorgados ós 650 veciños figuraban a exención de servir na Armada de Castela e licenza para emprender pola súa conta a guerra en corso. Así mesmo os Reis concedíanlle a Baiona os títulos de Nobre e de Leal Vila.

Época moderna

Comezado o século XVI alcanza Baiona un grande esplendor: expedía e comunicaba ordes reais, era cabeza de Partido e tiña dominio e señorío sobre os vales da Louriña e Rosal. Por outra parte a vila ía medrando peirao atrás pois os habitantes non eran moi partidarios de viviren na fortaleza. Ese esplendor ensombreceríase anos antes da metade do século, cando unha flota francesa de 56 navíos ataca o seu porto (ano 1533) e despois de que unha epidemia minguase considerablemente a súa poboación (1540). Antes, en 1512, o mariñeiro baionés Diego Carmona Pérez arribou en Sanlúcar de Barrameda coa expedición de Juan Sebastián Elcano, tras completar a primeira volta ó mundo. Outro mariñeiro da vila, Vasco Gallego, que formaba parte da tripulación de Magallanes, integrante da mesma expedición, faleceu nas illas Molucas.

En 1585 o pirata inglés Francis Drake, ó mando de 1500 homes, ataca a fortaleza pero a poboación da comarca, dirixida polo entón conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña, comínalle a abandonar a ría. O propio conde conseguiu mercarlle ó rei Felipe II o feudo do val Miñor, co que así pasaba a gobernar a vinte mil vasalos. Despoi, o propio monarca axudaríalle con privilexios á vila (exención para servir na Armada Real e creación dunha Cátedra de Gramática) e concentraría na ría a unha armada de 1.000 soldados co fin de derrotar os piratas que espreitaban as costas galegas.

Os séculos XVII e XVIII foron tamén tempos de asedio constante. Baiona era o porto principal do sur de Galicia e do norte de Portugal e o punto marítimo máis difícil de combater. Dise que quizais o famoso afundimento dos galeóns en Rande non ocorrería de ter atracado estes na ría de Baiona, pero os Reis desatenderon a súa importancia. Ó que si chegou a contribuír Baiona foi á reconquista de Vigo. Os veciños da comarca, coa axuda de batallóns portugueses, zafáronse das tropas do mariscal Soult, que se apropiara de Monterreal, freando así parte da avanzada napoleónica cara a Vigo, a primeira cidade de Galicia que conseguiu liberarse do dominio francés.

Época contemporánea

En 1823 Baiona deixou de exercer a súa xurisdición sobre o val Miñor e a súa influencia quedou reducida a termo municipal. A derradeira vez que funcionaron os canóns de Monterreal foi vinte anos despois, cando o xeneral Iriarte tentou sen éxito apoderarse da fortaleza como etapa da súa loita por manter o Movemento Liberal.

En 1859 unha Real orde dispón o fin de Monterreal como fortaleza militar e en 1872 o Estado anuncia a súa venda nunha poxa pública. Adquíreo en 1877 Xosé Elduayen, marqués do pazo da Mercé. En 1880 Manuel Misa e Bertemati, conde de Baiona, entrégalle ó Concello un edificio que funcionará como escola pública. Seu irmán, Ventura Misa, construíu por primeira vez unha adega catedral en Xerez da Fronteira, na que se creou o viño de Xerez, do que se considera inventor.

En 1943 inaugúrase o actual consistorio, instalado na histórica "Casa de Correa", adquirida un ano antes polo Concello. En 1966 o castelo de Monterreal comeza a prestar servizos como parador nacional de turismo, despois de que o Estado o adquirise en 1963 ós herdeiros de Bedriñana. En 1974 o Ministerio de Traballo instaura o día 1 de marzo, día da Arribada da Pinta, como festa local oficial.